Galicia e os seus símbolos

Ola a todxs! 

Cando estamos a piques de celebrar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, este próximo domingo día 17 de maio, que menos que coñecer ou recordar os nosos símbolos.

En primeiro lugar, seguro que sabedes que Galicia está dividida en catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Esta división estableceuse en 1833. E a capital de Galicia é Santiago de Compostela.



A bandeira de Galicia é branca e cunha franxa azul. Está inspirada na Cruz de San Andrés da Comandancia Naval da Coruña, á que lle quitaron unha aspa que tiña a maiores porque se confundía coa bandeira naval rusa. 

Cruz de San Andrés

Conta a tradición que moitos emigrantes que marchaban en barcos cara América saían do porto da Coruña. Esta bandeira da Comandancia Naval era a última que vían ao marchar e a primeira que vían ao chegar, por iso se cree que se tomou esta referencia. 

Porto da Coruña

O escudo incorporouse en 1972 e fai referencia á antiga bandeira galega. Ten un cáliz no centro e sete cruces de redor. Son sete porque cada unha representa ás antigas provincias eclesiásticas de Galicia (Santiago, Betanzos, Mondoñedo, Tui, Lugo, Ourense e A Coruña)



E o himno? pois ten a súa historia!!!

Pascual Veiga era un compositor nacido en Mondoñedo pero vivía na Coruña. Alí adicábase a dirixir coros (orfeóns). 

Pascual Veiga (1842-1906)

Resulta que no ano 1889 organiza e dirixe un coro, o Orfeón Coruñés nº 4, para ir á Exposición de París de 1889. Nesa exposición foi cando se inaugurou a Torre Eiffel -que xa veremos cando viaxemos a París- e alí queda encantado ao escoitar a Marsellesa,  que era o himno francés. 

A Marsellesa

Coa intención de crear un himno galego do estilo da Marsellesa, Veiga organiza en 1890 un certame, é dicir, un concurso para premiar o mellor himno. Por si acaso ninguén se presentaba, propúxolle ao escritor Eduardo Pondal que lle adaptara unha letra (Os Pinos) para unha música feita por el. 

Eduardo Pondal (1835-1917)

Finalmente sí se presentaron propostas e o premio recaeu na composición dun músico catalán. Nesta ocasión o himno de Veiga non chegou a interpretarse.

Pasaron os anos, e en 1906, dende o Centro Galego de La Habana (Cuba) pedíronlle a Pascual Veiga que lles mandase algunha partitura para facerlle unha homenaxe, e decide mandar o Himno Galego. Veiga morre ese ano, e en Cuba deciden interpretar a partitura na súa honra. Esa é a primeira vez que soou este himno. 


A primeira vez que se interpreta en Galicia foi en 1916, cando as Irmandades da Fala reclaman e recuperan este himno para Galicia.

En 1984 estableceuse como himno oficial de Galicia.

Vaia historia, eh?

Este é o himno para orfeón (coro)

Os Pinos

¿Qué din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Qué din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán

Hoxe en día existen moitas versións do Himno Galego. Velaquí algunhas delas. A ver cal che gusta mais:


Para orquestra e coro


Banda de gaitas e solista feminina


Andrea Pousa

Aquí vos deixo a partitura do Himno Galego para tocar. 


Animádevos a tocar e cantar o himno e remitirme os vosos vídeos. Tamén podedes debuxar a bandeira de Galicia e mandarme todo a:

abandadoarmando@gmail.com

Espero as vosas aportacións!!!







Comentarios

Entradas populares