O maio


Ola a todxs! 

Como sabedes, o venres pasado comezou o mes de maio. En moitas culturas, tamén na galega, o primeiro de maio festéxase por todo o alto. É unha festa na que se fan rituais para pedir sobre todo polas colleitas que están por vir. 

Nalgúns sitios de Galicia adoitan facer unha competición de Maios, que son unhas composicións feitas con musgo, fieitos e rosarios de carabuxos ou bugallos. Pódeselles engadir ovos, flores ou froitos. Poden ser de forma piramidal con base cadrada ou triangular, e acadan gran altura. Mirade: 


Ourense

Cambados

Pontevedra

Como vedes nas imaxes, son unhas construcións feitas con elementos naturais propios deste mes que comezamos, e decoradas dun xeito moi chamativo e bonito. 

Tamén típica é a costume de colocar xestas nas portas da casa, da corte, nas ventás, carros, etc. na noite do último de abril ao primeiro de maio para que o mes de maio protexa a casa, a xente que vive nela e as súas propiedades. 

Hai un poema moi coñecido do maio dun escritor moi importante en Galicia: 

Manuel Curros Enríquez (1851-1908). 


O MAIO
Aí vén o maio
de frores cuberto ...

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros EnríquezAires da miña terra

Pois xusto este ano cumpre os 140 anos esta obra, Aires da miña terra.

Agora que xa a lemos, podemos cantala, verdade???


Mirade canta cor, naturaleza e ledicia!!! 

Propóñovos que mandedes un debuxo titulado "O maio que eu quero" ou para os máis valentes, e aproveitando que agora podedemos saír a pasear un pouquiño, que fagades un mini-maio voso propio con elementos naturais (ramas, flores, follas,...), como os das fotos.

Que vos parece?


Reportaxe TVG: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/festa-dos-maios-4398372

Aínda que a versión máis coñecida desta canción é a de Luis Emilio Batallán:


Qué diferentes, verdade? dúas cancións distintas co mesmo texto.
Cal preferides vós?

Comentarios

Entradas populares